O Colexio Santiago Apóstol de Ponteareas comezou a súa andaina educativa alá polo ano 1945; momentos nos que nesta pequena vila non existía ningún Centro que se ocupara do Ensino Secundario.
Por iniciativa privada, en locais sinxelos, comezou unha oferta aberta ás/ós alumnas/os do antigo Bacharelato, Estudos de Comercio e Estudos de Maxisterio. Todos eles en réxime académico e, por conseguinte, pendentes de seren recoñecidos oficialmente mediante as correspondentes probas ás que eran sometidos nos Centros estatais.
Así foron transcorrendo uns anos, ata que a Titularidade do Centro considerou necesario acadar o recoñecemento oficial dos estudos que se impartían e, deste xeito, ter autonomía propia. Proxecto conseguido no ano 1970 e, a partires do cal, Ponteareas podía gabarse de dispor dun Centro coa clasificación de Recoñecido Elemental, condición, esta, que lle facultaba para poder impartir os catro primeiros cursos do antigo Bacharelato de forma oficial sen teren a necesidade de revalidar os seus estudos con probas en Centros externos.
O logro definitivo foi publicado no BOE do 25 de setembro de 1972, co cal, as/os alumnas/os de Ponteareas, dispuñan dun Centro Educativo que lles facultaba para obter o Título de Bachiller Superior sen necesidade de térense que desprazar a zonas
distantes da súa residencia.
Esta oferta educativa non afectou só ó alumnado de Ponteareas senón que foron moitísimos os que, a diario, viñan desde Arbo, As Neves, Salvaterra, Xinzo e outras zonas limítrofes a Ponteareas; outros pertencentes a zonas de Vigo, Baiona, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía, Fornelos de Montes, Ourense, Ribadavia,… que facían uso do servizo de internado ofertado tamén polo propio Centro. Foron anos aqueles nos que moitos dos galegos se viron na obriga de emigrar a países fundamentalmente europeos e como consecuencia precisaban dun lugar onde os seus fillos estivesen protexidos e que ao mesmo tempo puideran cursar uns estudos e obter unha formación para o futuro. Naqueles anos, o número de alumnos internos do
Centro chegou a 140 e que, a día de hoxe, moitos seguen a manifestar que foron os máis felices das súas vidas, os dos mellores recordos.
A día de hoxe, podemos falar de un Centro cunha superficie de 9.800 m 2 con catro edificios dedicados á docencia e que acolle as diferentes dependencias:
– 23 aulas.
– Pizarra Dixital en todas as aulas.
– 6 Aulas Abalar. (o máximo ó que se pode optar)
– Salas de Medios Audiovisuais (vídeos, DVD, Proxectores).
– Laboratorios de Física e Ciencias.
– Aula de Informática, Tecnoloxía, Debuxo, Música, Psicomotricidade, Ximnasio, Biblioteca, Sala de Profesores, Sala de Xuntas, Despachos, Cociña propia e Comedor Escolar con capacidade para 200 alumnos/as.
Todo o acadado é froito do esforzo dunha empresa, que neste caso, podemos dicir que foi e é familiar. Os irmáns Benigno e Valentín Domingo Bastardo, xunto ás súas respectivas mulleres, Paquita Hernández e Pilar García dedicaron moitos anos das súas vidas a loitar para que este Centro puidera ofrecer máis e mellor calidade ao seu alumnado.
Para Ponteareas, ó igual que a súa bisbarra, esta traxectoria educativa é motivo de orgullo e como tal así lle foi recoñecido con data 6 de xuño de 1994 polos membros do Ilmo. Concello de Ponteareas outorgando ao "Colexio Santiago Apóstol" a Medalla de Prata do Municipio polos méritos contraídos co seu exemplar labor educativo a prol dos veciños da Vila e do Concello de Ponteareas.
Na actualidade ofertamos estudos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria; todas coa Clasificación Definitiva e que son impartidas por un total de 34 profesores coa debida titulación e especialidade, adaptándose progresivamente aos diferentes trocos esixidos por cada unha das Leis Educativas polas que xa pasou desde a súa creación. O actual Equipo Directivo está constituído por Gregorio Amoedo Troncoso quen exerce a Dirección do Centro, Bárbara Gándara Rojo, sobre quen recae a Xefatura de Estudos, e Noémy Amoedo Amoedo quen exerce a función de Secretaria.
Froito do traballo desenvolvido son: o Premio Nacional ás Mellores Prácticas Educativas, acadado polo Centro o día 18 de decembro de 2003, o Premio Provincial acadado o 5 de xuño de 2004 polo Proxecto "Traballando Hábitos e Valores na Educación Ambiental" e o Premio Nacional do concurso Coca-Cola acadado no curso 05/06.