No noso centro consideramos que a educación emocional é moi importante e por iso, na materia de inglés, desenvolvemos o Proxecto «The Teen Emotionary” (o emocionario adolescente), baseado no libro El Emocionario, de Palabras Aladas.
Con este Proxecto, apoiándonos no libro e a través de diferentes actividades, vídeos e xogos, o alumnado e alumnas de 4º de ESO aprenden a identificar as súas emocións (tantas e tan mesturadas na adolescencia) describilas e traballalas, desenvolvendo a empatía e o coñecemento dun mesmo e dos demais ao mesmo tempo que ampliamos vocabulario e melloramos a expresión en inglés.
O alumnado acolle este Proxecto con ledicia, curiosidade e emoción e a súa valoración é moi positiva. Din que melloraron moito a súa capacidade de expresión en inglés (oral e escrita), aprenderon novo léxico e son quen de poñerse no lugar doutros compañeiros. Divírtense traballando en equipo e afirman que en moitos casos melloran a relación cos seus proxenitores nesta difícil etapa que é a adolescencia. Coñecemos a tenrura, a valentía, paseamos polo medo da man de Edgar Allan Poe, lembrámonos dos nosos pais por medio do amor (e decatámonos de que o amor romántico só é unha pequena parte desa GRAN palabra), xogamos e incluso facemos a nosa propia receita da felicidade e da ledicia. Experimentamos a empatía e a tristura, a soidade na que, ás veces, nos atopamos aínda que esteamos rodeados de xente, o alivio, a compaixón e o remorso.