O proxecto social, cultural e artístico impulsado polo noso Colexio, xunto coa colaboración da Concellería de Ensino, une aos Centros Escolares e diferentes Asociacións e implica ao alumnado na elaboración de arte floral, con raizame na Vila do Corpus.
A inspiración histórica para as Meninas florais non é outra que María Agustina Sarmiento Luna e Soutomaior, filla de Diego Sarmiento, III Conde de Salvaterra e II Marqués de Sobroso, e da súa muller Juana J. de Isasi. Podería ter pasado inadvertida na historia de non ser inmortalizada polo pintor Velázquez no cadro de “Las Meninas”, aparecendo como a mociña que lle entrega un búcaro á princesa Margarita de Habsburgo.
O seu pai, quizais tivera nacido en Canedo, agora un dos barrios de Ponteareas e, daquela, parroquia de seu, baixo a advocación de San Miguel, no pazo que posuía a familia neste lugar. O pai herdara os estados e títulos de seu irmán García, Virrei de Nueva España (México hoxe en día) e Perú, falecido sen sucesión. O que si se sabe de certo é que veu ao mundo no desaparecido pazo de Canedo, no ano 1603.
Este Proxecto tenta difundir unha parte descoñecida da historia de Ponteareas, así como fomentar o talento creativo dos nenos e nenas, enriquecendo a cultura colectiva conectada á imaxe universal do arte floral representada nos Maios e no Corpus. Ademais, promove a solidariedade a través dun patrocinio das pezas para doar a recadación a Asociacións Solidarias da Comarca.
O Concello facilita aos Colexios e Institutos unhas siluetas modelo dunha Menina en madeira a tamaño natural que decoran con motivos diferentes cunha técnica artística libre: pintura, collage, tea, papel, plásticos ou materiais de reciclaxe, entre outros.
O noso centro, realiza tres Meninas, unha por etapa educativa, que presenta á exposición conxunta na nosa vila e que son expostas publicamente en diferentes espazos: Biblioteca, Concello, Auditorio, Museo, Conservatorio ou, inclusive, nas rúas e prazas de Ponteareas, custodiadas por establecementos comerciais e hostaleiros voluntarios. Durante a Festa do Corpus están expostas na praza de Abastos e en diferentes locais comerciais do noso pobo.