PROXECTO MENINAS FLORAIS
O proxecto social, cultural e artístico impulsado polo noso Colexio, xunto coa colaboración da Concellería de Ensino, une aos Centros Escolares e diferentes Asociacións e implica ao alumnado na elaboración de arte floral, con raizame na Vila do Corpus.
A inspiración histórica para as Meninas florais non é outra que María Agustina Sarmiento Luna e Soutomaior, filla de Diego Sarmiento, III Conde de Salvaterra e II Marqués de Sobroso. Foi inmortalizada polo pintor Velázquez no cadro Las Meninas, aparecendo como a mociña que lle entrega un búcaro á princesa Margarita de Habsburgo.

Este proxecto tenta difundir unha parte descoñecida da historia de Ponteareas, fomentar o talento creativo do alumnado e promover a solidariedade mediante o patrocinio das pezas, cuxa recadación se destina a Asociacións Solidarias da Comarca.



O Concello facilita aos Colexios e Institutos unhas siluetas modelo dunha Menina en madeira a tamaño natural, que decoran con diferentes técnicas artísticas. O noso centro realiza tres Meninas, unha por etapa educativa, que son expostas en diversos espazos públicos e comerciais da vila durante a Festa do Corpus.