THE TEEN EMOTIONARY
No noso centro consideramos que a educación emocional é moi importante e por iso, na materia de inglés, desenvolvemos o Proxecto “The Teen Emotionary” (o emocionario adolescente), baseado no libro El Emocionario, de Palabras Aladas.
Con este proxecto, a través de diferentes actividades, vídeos e xogos, o alumnado de 4º de ESO aprende a identificar as súas emocións, describilas e traballalas, desenvolvendo a empatía e o autocoñecemento ao mesmo tempo que amplían vocabulario e melloran a expresión en inglés.

O alumnado acolle este proxecto con ledicia, curiosidade e emoción. Din que melloraron moito a súa capacidade de expresión en inglés (oral e escrita), aprenderon novo léxico e son quen de poñerse no lugar doutros compañeiros.
Divírtense traballando en equipo e afirman que, en moitos casos, melloran a relación cos seus proxenitores nesta difícil etapa que é a adolescencia.

Coñecemos a tenrura, a valentía, paseamos polo medo da man de Edgar Allan Poe, lembrámonos dos nosos pais por medio do amor (e decatámonos de que o amor romántico só é unha pequena parte desa GRAN palabra), xogamos e incluso facemos a nosa propia receita da felicidade e da ledicia.
Experimentamos a empatía e a tristura, a soidade na que, ás veces, nos atopamos aínda que esteamos rodeados de xente, o alivio, a compaixón e o remorso.